O Real Decreto Lei 8/2014, do 4 de xullo pasado, incorpora no apartado VI, onde trata o ámbito portuario, o levantamento da prohibición que existía ate agora para destinar a uso hoteleiro, albergue ou hospedaxe; determinadas instalacións como pode ser o Faro de Oza. Deste xeito o PP segue co espolio do patrimonio público para que os seus amigos fagan negocio co que é de todos e todas.
Detrás de todas estas medidas agáchase unha vez máis a intención de privatizar e facer negocio co patrimonio público, é un escándalo que aproveiten a enorme crise económica e social que temos enriba para favorecer xustamente a aqueles que están sacando proveito desta estafa social.
Dende a asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros queremos lembrar que non pasou moito tempo dende que o noso colectivo, xunto coa Confraría de Pescadores da Coruña, solicitamos que o Faro de Oza se destinase a Aula do Mar e aula de Formación para a Confraría, aínda hoxe non tivemos resposta.
Reclamamos unha vez máis que o patrimonio público, ese que se fixo cos cartos de todos e todas, debe poñerse ao servizo da cidadanía e non para beneficio duns poucos. Reclamamos que se poña ao servizo dos veciños e veciñas e se lle dea un uso social e non particular como pretende o goberno do PP.
Mentres as clases populares, traballadores, pensionistas, estudantes... padecemos recortes económicos, de dereitos e sociais, uns poucos privilexiados seguen a facer negocios e a acumular cada vez máis poder e recursos. O que se recolle nese Real Decreto para instalacións coma o Faro de Oza é un exemplo de como actúa este goberno, poñendo ao servizo dos seus amigos o patrimonio que é de todos e todas
Na Coruña 9 de xullo de 2014
Asociación veciñal Oza Gaiteira Os Castros
No hay comentarios:
Publicar un comentario